As orcas e focas da costa oeste canadense sofren unha crecente obesidade que pon en perigo a súa saúde. O máis rechamante deste feito é que a causa deste problema está relacionada co quecemento globa e a contaminación. Estes grandes animais sofren á súa vez a malnutrición dos salmóns “chinooks”, o seu prato favorito, segundo as conclusións de investigadores canadenses presentadas en Québec durante o 18 Congreso Bienal Internacional sobre a Bioloxía dos Mamíferos Mariños.
O aumento da temperatura do océano Pacífico e a contaminación química das augas alteraron o réxime alimentario desta especie de salmón, tamén chamado “salmón real”, explicou o biólogo Peter Ross, director do estudo. Isto xerou unha modificación do metabolismo de orcas e focas, cuxo apetito se multiplicou, co risco de consumir cada vez máis produtos prexudiciais para o seu organismo, engadiu.
Tras confirmar no ano 2000 que as orcas do estreito de Xeorxia, na costa de Vancouver, estaban seis veces máis contaminadas con BPC (bifenilos policlorados, familia de produtos químicos moi nocivos e de difícil degradación) do normal, o equipo do biólogo Peter Ross decidiu abrir unha investigación. A orixe deste fenómeno é a caída da taxa de materia graxa nos salmóns, “sobre todo debido ao clima, xa que está establecido que este peixe ten menos lípidos cando está o fenómeno do Neno ou o océano quéntase”, detallou Ross.
Para paliar esta carencia de graxa, focas e orcas consumiron entre 1,5 e 2 veces máis salmóns do habitual, o que provocou á súa vez que inxerisen unha maior concentración de produtos químicos, apuntou o investigador. Isto ten como consecuencia unha modificación do metabolismo dos mamíferos mariños e fainos comer máis, xa que unha maior exposición aos BPC estimula a glándula tiroides, que controla o apetito, explicou.