Máis de 15.000 visóns foron “liberados” en tres granxas de cría das localidades coruñesas da Baña, Muros e Oza dos Ríos, nunha acción que parece concertada, aínda que ninguén a reivindicou aínda. Tan só na granxa de Oza foron 10.600 os animais postos en liberdade, mentres que outros 5.000 soltáronse en Muros e uns 500 na Baña. Segundo o director xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, José Benito Reza, actualmente poden andar soltos uns 6.000 visóns polos montes e poboacións dos arredores.
A granxa de Oza era a principal de Europa en materia de investigación xenética e atópase entre o dez primeiras do mundo na materia. “Se han ido ao traste 20 anos de traballo”, dixo Charo Carrillo, propietaria da explotación.
Persoal do Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil (Seprona) e das consellerías de Medio Rural e Medio Ambiente, coa colaboración da veciñanza, están a ocuparse de recuperar os animais, que vagan polos montes e estradas, traspasando xa os municipios de Oza, Muros e A Baña. Dada a súa voracidade e a súa inadaptación ao medio, moitos dos visóns apareceron mortos, como consecuencia de loitas entre eles ou atropelos.
O temor principal é que os que non poidan ser rescatados e sobrevivan poderían provocar graves alteracións ecolóxicas. Os visóns americanos, que son os que se crían nestas granxas, son máis feroces e voraces que os autóctonos e dispoñen dun instinto que lles permite esconderse en calquera buraco dos montes.
Segundo os últimos datos da Consellería de Medio Ambiente, o dispositivo establecido tras a solta dos visóns logrou recuperar ata o momento ao redor de 4.000 animais, dos cales o 70% están mortos.
O conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, dixo que as tarefas de recuperación están a levarse “a un ritmo máis rápido do esperado”. Aos autores da “liberación”, aínda non identificados, díxolles que esta non “é maneira de actuar”.
Vázquez insistiu ademais no “dano ambiental” que poden causar aos ecosistemas aqueles especímenes que logren sobrevivir e adaptarse, que en todo caso serán unha minoría dos que escaparon.