A Consellería de Medio Ambiente de Andalucía obtivo da Comisión Europea o galardón “Green Days Awards 2003” pola actividade de carácter informativo e divulgativo “Axudando ao lince ibérico”, que se desenvolveu na Serra de Andújar (Xaén) coa participación dunha trintena de escolares, auténticos protagonistas deste recoñecemento.
O premio, que se entregará en Tenneville (Bélxica) o próximo día 2 de outubro, recollerao a conselleira de Medio Ambiente, Fuensanta Coves, de mans da comisaria Margot Wallström. A cerimonia de entrega celebrarase aproveitando a conferencia de Eurosites, rede de organismos dedicados á xestión da natureza.
Con este premio, que ten carácter anual, a Comisión Europea pretende aumentar entre os cidadáns o coñecemento do medio ambiente e, en particular, dos espazos naturais que formarán parte da Rede Natura 2000. Ao certame presentáronse o ano pasado un total de 430 proxectos e a Xunta presentou na edición de 2003 un total de oito actividades correspondentes a dúas provincias da comunidade, entre elas a gañadora, que forma parte do Proxecto Life de Recuperación das Poboacións de Lince Ibérico.
O lince ibérico habita nas provincias de Huelva, Sevilla, Córdoba e Xaén, aínda que a maioría deles atópanse en Doñana e nas Serras de Andújar e Cardeña. Algunhas das actividades nas que participaron os nenos foron as soltas de coellos (alimento principal do lince ibérico), concursos de debuxo e limpezas de lixo na Serra de Andújar.