WWF/Adena denunciou a aparición de tres femias de gorila de montaña e un macho de costas prateadas mortos por disparos no Parque Nacional de Virunga, ao leste da República Democrática do Congo. Hai ademais dous exemplares en paradoiro descoñecido.
Os corpos dos gorilas foron achados na zona sur do parque por gardas do Instituto Congoleño para a Conservación da Natureza (ICCN). Os animais vivían nunha área habitualmente frecuentada por turistas.
O exemplar de costas prateadas era un macho alfa -líder do seu grupo-, polo que a súa ausencia pode supor a disolución da manda e a posterior dispersión dos seus membros.
O grupo estaba composto por 12 gorilas, pero só se puido confirmar o bo estado de seis. Unha femia e unha cría están en paradoiro descoñecido. O Exército congoleño reforzou a súa presenza no parque para tratar de dar con elas.
“Estas mortes deben ser esclarecidas e hai que castigar aos responsables”, sinala Juan Carlos do Olmo, secretario xeral de WWF/Adena. “O gorila de montaña -engade Do Olmo- é unha vítima inocente máis dos conflitos bélicos que arrasan esta zona de África e imos envorcarnos nos próximos anos para recuperar a poboación de gorilas de montaña e protexer as selvas da conca do Congo, que están a desaparecer a gran velocidade”.