O Consello de Ministros aprobou a nova regulación das enerxías renovables, que contempla a redución das retribucións das plantas fotovoltaicas nun 5% para instalacións de teito pequeno, nun 25% para instalacións de teito medianas e nun 45% para instalacións de chan. Estes recortes aplicaranse a partir da primeira convocatoria do rexistro trimestral de preasignación a partir da entrada en vigor do real decreto aprobado hoxe (a cuarta do ano 2010).
Esta nova regulación das enerxías renovables ten como obxectivo, segundo sinalou o Executivo, reducir custos, sobre todo os da enerxía fotovoltaica, “en beneficio dos consumidores”, mellorar a integración técnica das instalacións de fontes renovables e de cogeneración, e simplificar e axilizar os procedementos administrativos de aplicación.
O Goberno estima que a redución das tarifas reguladas que se introduce para as instalacións fotovoltaicas suporá un aforro para o sistema de 141,5 millóns de euros en 2011, 202,3 millóns en 2012 e 263,4 millóns en 2013.
A nova normativa tamén reforma a regulación vixente do réxime económico e xurídico da actividade de produción de enerxía eléctrica en réxime especial. En concreto, modifica tres reais decretos anteriores: O RD 661/2007, de 25 de maio, polo que se regula a produción de enerxía eléctrica en réxime especial, o RD 1110/2007, de 24 de agosto, polo que se aproba o regulamento unificado de puntos de medida do sistema eléctrico, e o RD 1578/2008, de 26 de setembro, de retribución da actividade de produción de enerxía eléctrica mediante tecnoloxía solar fotovoltaica.