As poboacións de bolboretas mediterráneas diminuirán máis rápido do que se prevía polo cambio global, que agrupa variacións na composición atmosférica, no clima e nos usos do chan. Así o afirma un estudo publicado na revista “Ecograhpy” polo Museo de Granollers-Ciencias Naturais e o Centro de Investigación Ecolóxica e Aplicacións Forestais (Creaf).
O aumento da aridez e a intensificación do uso do territorio por parte do ser humano combinaranse para afectar a especies comúns e xeneralistas que se atopan nun amplo rango de altitudes, como a raíña cebrada “Iphiclides podalirius”, mentres que o aumento das temperaturas e a perda de hábitats por abandono dos pastos fará diminuír as poboacións máis especializadas que habitan na montaña media, como as doncelas, do xénero “Melitaea”.
As bolboretas responden moi rapidamente ás alteracións da contorna polo cambio climático, polo que estudar os patróns e factores que afectan a súa variedade e supervivencia permite predicir o futuro da diversidade do resto de especies en hábitats similares, destacou o Creaf nun comunicado. Este estudo mostra a maior diversidade de especies de bolboreta na montaña media e pon de manifesto a importancia das cadeas montañosas do Mediterráneo para a conservación da biodiversidade.
Os investigadores estudaron 169 especies de bolboretas con datos achegados entre 1994 e 2007 pola Catalan Butterfly Monitoring Scheme (CBMS) e simularon a súa evolución con modelos informáticos. O traballo tivo en conta os principais factores que afectan á distribución e diversidade das bolboretas mediterráneas, como o seu clima idóneo, hábitat, plantas que necesitan, estrutura da paisaxe que prefiren e a súa mobilidade.