Un total de 14 países da área mediterránea asinaron onte en Madrid o Protocolo de Xestión Integrada sobre as zonas costeiras do Mediterráneo, no que se establece a prohibición de construír a 100 metros da liña de costa. Este protocolo é o primeiro instrumento legal vinculante a nivel internacional sobre protección integral do litoral.
A ministra de Medio Ambiente, Cristina Narbona, subliñou, tras o acto protocolario, a importancia deste acordo tendo en conta que se prevé un retroceso entre 20 e 60 metros da liña de costa no litoral mediterráneo no medio século debido ao cambio climático. “Este é o desafío ao que se enfronta España”, asegurou.
Os países asinantes son Alxeria, Croacia, Francia, Grecia, Israel, Eslovenia, Italia, Malta, Mónaco, Montenegro, Marrocos, España, Siria e Tunes. Non subscribiron o protocolo a Comunidade Europea (que require de máis trámites burocráticos) Líbano, Libia, Chipre, Bosnia-Herzegovina nin Exipto, que poderán facelo ao longo do próximo ano.
Turquía, pola súa banda, presentou unha “reserva de estudo” ao protocolo por non estar de acordo con determinados contidos. En calquera caso, basta coa ratificación de seis países para que a norma entre en vigor.