Un equipo de geólogos adscritos á Secretaría Xeral do Mar (SGM) e de biólogos do Instituto Español de Oceanografía (IEO) descubriu un arrecife de corais de augas frías a máis de 800 metros de profundidade no Mar Cantábrico. O achado tivo lugar durante a recente campaña a bordo do buque oceanográfico Vizconde de Eza e no marco do proxecto INDEMARES.
O Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño (MARM) asegurou que este descubrimento supón “un importante logro para a ciencia, xa que se descoñecía ata a data a existencia deste tipo de arrecifes profundos de coral en augas españolas”. Durante moitos anos, estes ecosistemas, con elevados índices de biodiversidade, asociáronse a zonas tropicais de augas cálidas e ben iluminadas debido á súa dependencia de algas simbiontes.
O desenvolvemento de modernos robots e submarinos permitiu descubrir arrecifes de coral en augas frías e profundas en moitas zonas do planeta, onde habitan multitude de especies descoñecidas para a ciencia e que, entre outras moitas características, son capaces de frear o cambio climático ao ser sumidoiros de carbono, co que se diminúe a presenza de gases de efecto invernadoiro na atmosfera.
O proxecto INDEMARES, coordinado pola Fundación Biodiversidade, ten como obxectivo contribuír á protección e uso sustentable da biodiversidade nos mares españois mediante a identificación de espazos de valor para a Rede Natura 2000. Nesta primeira campaña do proxecto na zona de influencia do Canón de Avilés (Asturias), denominada INDEMARES-AVILÉS 0410, un equipo multidisciplinar formado por especialistas en xeoloxía e bioloxía iniciou a primeira fase do estudo dirixida a coñecer as características dos ecosistemas e cartografiar os seus hábitats e comunidades. Para iso utilizaron modernas tecnoloxías, que lles permiten obter valiosos datos ata 5.000 metros de profundidade.
Deste xeito, hase cartografiado unha área de máis de 6.400 quilómetros cadrados e no transcurso dos estudos realizáronse importantes descubrimentos, como a existencia dun complexo e descoñecido sistema de canóns tributarios ao eixo principal do de Avilés e que verten finalmente á chaira abisal do Golfo de Biscaia nun só depósito de abanico, situado a 4.800 metros de profundidade.
Un destes canóns tributarios, de 16,5 quilómetros de lonxitude e 6,1 quilómetros de anchura máxima, presenta aspectos singulares tanto no que respecta ás súas características xeolóxicas e dinámica de correntes, así como por identificar nel e a gran profundidade un destacable e ben estruturado arrecife de corais de augas frías.