Con motivo da inauguración onte en Madrid da Conferencia Europea sobre Especies Exóticas Invasoras, Ecoloxistas en Acción propuxo cinco medidas urxentes para frear a introdución en España destes animais. Entre elas destaca a creación dun centro de alerta e control.
A organización ecoloxista afirma que a introdución de especies exóticas “é a segunda maior ameaza á biodiversidade, despois da perda de hábitat”, repercutindo ademais sobre a saúde pública e a economía. Estas introducións disparáronse nos últimos 20 anos, entre outras cousas polo desenvolvemento do comercio, a autorización da cría de especies exóticas, o uso de moitas delas como mascotas, e a falta de control de actividades como o transporte de augas de lastre.
Para evitar que estas especies invadan os nosos ecosistemas, Ecoloxistas en Acción propón ás administracións competentes varias medidas. Unha é crear o Centro de Alerta e Control das Especies Exóticas Invasoras. Coordinado polo Ministerio de Medio Ambiente, este organismo centralizaría todas as informacións e actuacións das diferentes administracións para detectar e controlar as especies invasoras.
Así mesmo, os ecoloxistas avogan por prohibir o comercio e a tenencia como mascotas destas especies. Neste sentido, lembran que debido a fugas ou abandonos producíronse introducións de múltiples animais alóctonos, como a tartaruga de Florida.
Tamén consideran necesario que non se conceda ningún tipo de permiso para realizar repoboacións con especies foráneas. “Actualmente, con fins cinexéticos e piscícolas, séguense permitindo estas introducións, como no caso do arruí, un bóvido procedente do norte de África”, afirma Ecoloxistas en Acción.
A organización aposta ademais por prohibir a construción de granxas ou instalacións de cría de especies como o visón americano e clausurar as existentes, e por controlar estritamente as mercadorías susceptibles de introducir animais exóticos.
Por último, pide regular e controlar o transporte de augas de lastre. O mexillón cebra é un das invasoras que chegou a España a bordo das augas que descargan os barcos procedentes doutros países.