No marco da celebración en Valencia da Feira CEVISAMA, o grupo ecoloxista WWF/Adena e a Rede Biotectura do WWF-Grupo 2000 presentaron a denominada “casa sa”, un modelo de construción sustentable que se fabricou con madeira certificada polo Consello de Administración Forestal (FSC polas súas siglas en inglés).
Trátase dun tipo de madeira que procede de bosques xestionados de forma social e ambientalmente responsable. Para os membros destas organizacións ecoloxistas os produtos forestais certificados deberían adquirir un “maior protagonismo” na construción e nos fogares, fronte ao uso de materiais non renovables ou máis contaminantes no seu ciclo de vida.
Neste sentido, os portavoces lembraron que desde as súas organizacións promoven, con preto de catrocentas empresas en todo o mundo, o consumo de produtos certificados por sistemas cribles como o FSC para que a conservación dos bosques e o uso da madeira sexan compatibles.
A madeira
Así mesmo desde WWF/Adena defenderon o uso da madeira como elemento construtivo, por ser un material renovable, confortable e limpo, aínda que avisaron de que ao ano desaparece unha superficie forestal “equivalente a 25 millóns de campos de fútbol”.
En canto ás causas directas desta deterioración, sinalouse á talla ilegal e ao aproveitamento forestal insustentable, que esnaquizan os ciclos ecolóxicos dos bosques. Membros da organización comunicaron que unha parte significativa da madeira e produtos derivados que as empresas españolas importan “procede de rexións onde as tallas ilegais son prácticas habituais”.
Pero, segundo sinalan desde ambas as organizacións, “nin os organismos públicos nin os privados, como construtoras e distribuidores de produtos forestais, contemplan nas súas políticas de compra instrumentos para evitar o consumo de madeira de orixe ilegal ou insustentable”.
WWF- Grupo 2000
En colaboración con WWF/Adena xurdiu WWF-Grupo 2000. Trátase dunha agrupación composta por empresas e entidades españolas comprometidas co consumo e comercio responsable de madeira e produtos forestais.
Ademais esta organización forma parte da Rede Internacional de Bosques e Comercio, iniciativa mundial do WWF para eliminar a talla ilegal e mellorar a xestión dos bosques. O seu coordinador, Félix Romeu, cre que “as empresas construtoras, as inmobiliarias e os organismos públicos con competencias en materia de urbanismo e vivenda teñen unha gran responsabilidade nos efectos negativos da talla ilegal e da explotación forestal non sustentable, pois son grandes consumidores de madeira cuxo orixe descoñecen”.