Tras catro anos de traballo, a Fundación Biodiversidade e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) concluíron un estudo sobre a invasión de algas introducidas no Parque Nacional do Arquipélago de Cabrera. O proxecto avaliou os efectos destas algas sobre o hábitat e as especies prioritarias e autóctonas do ecosistema do Arquipélago. O obxectivo desta iniciativa foi determinar a dinámica de expansión de tres algas alóctonas invasoras -Caulerpa racemosa, Lophocladia lallemandii e Womersleyella setacea- no Parque Nacional de Cabrera, así como comprobar os seus efectos nas comunidades mariñas. O labor do CSIC foi estudar a distribución e a abundancia destas especies, ademais dos organismos que favorecen a súa invasión. A análise realizada conclúe que Lophocladia lallemandii distribúese entre os 5 e 35 metros de profundidade e despraza a comunidades de algas fotófilas, algas hemiesciáfilas e pradarías de Posidonia oceánica. Pola súa banda, Caulerpa racemosa presenta unha maior biomasa e recubrimento entre os 25 e 50 metros de profundidade, o que afecta de maneira negativa aos fondos detríticos e comunidades de coralígeno e de algas hemiesciáfilas. En cambio, Womersleyella setacea desenvólvese sempre por baixo dos 25 metros e altera as comunidades de coralígeno e algas hemiesciáfilas. Outro dato constatado neste estudo é que só Lophocladia lallemandii realiza reprodución sexual, o que favorece a súa rápida expansión e dificulta a posta en marcha de medidas capaces de freala. As outras dúas especies reprodúcense de maneira vexetativa mediante a dispersión de pequenos fragmentos, polo que o seu avance, en especial no caso de Caulerpa racemosa, veríase favorecido polas artes de pesca. En canto ao control destas especies por depredadores naturais, comprobouse que o ourizo de mar común consome Caulerpa racemosa, pero non pode controlar a expansión da especie en zonas xa invadidas. Demostrouse que é máis efectivo en zonas que están en fases iniciais de colonización. Ademais, o estudo permitiu constatar que o principal peixe herbívoro do Mediterráneo, a salpa, presenta consumos elevados desta alga. Prefírea sobre outras especies autóctonas, o cal suxire unha posible capacidade de control desta especie. Para o CSIC, proxectos como o realizado no Arquipélago de Cabrera pon de manifesto a necesidade de realizar un especial esforzo na prevención, “xa que a erradicación de especies invasoras móstrase como excesivamente custosa e complicada, en especial no medio mariño”.