O informe “A industria do cloro: contaminación silenciosa”, elaborado por Greenpeace, evidencia a grave contaminación, “aparentemente invisible”, que xera este sector industrial e cuxos efectos tóxicos permanecen ao longo dos anos deteriorando lentamente a saúde das persoas e o medio ambiente.
“Este sector contamina para producir un produto altamente contaminante como é o cloro, cuxo uso, a día de hoxe, non está xustificado, xa que existen elementos e técnicas para substituílo sen prexudicar á poboación e ao medio natural”, denuncia a organización ecoloxista, que realizou mostraxes de auga e sedimentos nos arredores do nove plantas produtoras de cloro que operan en España.
“Decidimos analizar a industria produtora de cloro porque é un sector representativo do país, e onde opera un reducido número de empresas provocando niveis moi altos de contaminación que persisten ao longo dos anos”, explica Sara do Río, responsable da campaña de contaminación de Greenpeace.
“Celas de mercurio”
O estudo, o primeiro destas características realizado en España, reflicte que oito desas plantas utilizan unha tecnoloxía obsoleta, denominada “de celas de mercurio”, unha técnica moi contaminante que libera ao medio ambiente grandes cantidades de elementos tóxicos, polo que foi abandonada pola maioría de países, ata o punto que as fábricas españolas representan o 20% das que utilizan esta técnica en Europa, segundo Greenpeace.
Os ecoloxistas afirman que tres das industrias analizadas verten directamente a ríos, en Monzón, Sabiñánigo e Flix, mentres que as restantes fano a través de emisarios submarinos, que son os casos de Hernani, Torrelavega, Palos de la Frontera, Lourizán, Vila-Seca e Martorell. Na maioría das verteduras detectáronse metais pesados, como mercurio, cadmio e outros contaminantes característicos desta industria, tales como cloruro de vinilo, dicloroetileno ou cloroformo.
Conivencia dos poderes públicos
Aínda que as recomendacións europeas e de convenios internacionais piden acabar coa tecnoloxía de celas “de mercurio” antes do ano 2010, o Goberno español ha asinado un acordo coa industria que lle permite seguir utilizando esta tecnoloxía ata o ano 2020, sen ter que empregar as Mellores Técnicas Dispoñibles (MTD), que establece a Directiva Europea de Prevención e Control Integrado da Contaminación, critica Greenpeace.
“O máis preocupante é que estas industrias contan co beneplácito dos poderes públicos para seguir contaminando libremente e demostraron abertamente a súa intención de non investir nas técnicas máis limpas existentes e de mesmo sortear, se fose necesario, a lexislación que limita as súas emisións”, asegura Juan López de Uralde, responsable da organización.