Máis de 8.000 hectáreas de praias e zonas pesqueiras de Corea do Sur resultaron contaminadas pola crúa vertedura polo petroleiro “Hebei Spirit” o pasado venres, despois de que se estendese uns 20 quilómetros cara ao nordés e uns 30 quilómetros cara ao sueste. O Goberno do país proximamente declarará zona catastrófica a costa alcanzada pola marea negra.
As primeiras estimacións indican que a industria turística da zona de Taean sufrirá unhas perdas de 40.000 millóns de wones (uns 43 millóns de dólares) a causa do desastre, aínda que o efecto da vertedura nos pescadores da zona está aínda por determinar. As 5.000 persoas que se dedican ao cultivo de recoiro e á pesca na baía de Garolim temen quedar na ruína.
Hai unha trintena de praias afectadas polo “tsunami de petróleo”, como cualificaron á marea negra orixinada polo “Hebei Spirit”, pero as autoridades prevén que o desastre se estenda cara a outros areais nos próximos días.
A limpeza non avanza tan rápido como sería desexable. Máis de 8.000 soldados, policías, funcionarios e voluntarios proseguen cos labores de descontaminación e prevención. Ata o momento recolléronse unhas 514 toneladas de petróleo e outras 2.500 toneladas de lixo con manchas de cru.
O petróleo vertido ha afectado á metade do parque natural de Taean Haean, que pode tardar varias décadas en recuperarse do impacto sufrido, segundo os expertos locais.