Un grupo de descoñecidos asaltou na madrugada do domingo unha granxa de visóns na localidade de Damil en Xinzo de Limia (Ourense), deixando escapar a uns 1.400 animais, segundo informou a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega).
“Viñemos á granxa, vimos todas as gaiolas abertas, os cartóns da xenética de cada animal rotas no chan e dúas fendas abertas no muro exterior da leira para facilitar a súa fuxida fóra da instalación”, explicou o propietario da granxa, José Luís Pérez Jardón.
O sacrificio dos visóns para aproveitar a súa pel “estaba previsto para dentro de 20 días e agora haberá que recuperalos e matalos a todos, xa que descoñecemos cales son as femias e machos destinados á reprodución, porque fóra da súa gaiola é imposible distinguir a un animal doutro”. Onte xa se recuperaron uns 1.200 exemplares “e aínda queda algún dentro do muro da leira”.
Na madrugada do domingo 15 de outubro rexistráronse soltas de visóns en varias granxas galegas. En total liberáronse 15.500 animais, a maioría dos cales foron recuperados ou morreron pouco despois de saír das granxas.