O Ebro está a ser invadido por unha especie de mexillón denominado cebra (Dreissena polymorpha) que ameaza con provocar importantes desfeitas na fauna e flora do río. Este molusco, orixinario dos mares Caspio e Aral, reprodúcese a gran velocidade, o que dificulta frear a súa expansión, e é capaz de danar as conducións de auga, as depuradoras ou as plantas eléctricas.
O mexillón cebra estendeuse por gran parte de Europa e Norteamérica. A súa presenza no Ebro, detectada hai un ano, pode deberse á navegación dalgunha barca contaminada con larvas do molusco. De momento, a praga detívose en Mequinenza sen alcanzar, de momento, o encoro desta localidade zaragozana. Estímase que pode haber colonias de até uns 40.000 individuos.
Este molusco destrúe o ecosistema no que se instala, devorando a fauna e a flora autóctona e deixando a auga sen osíxeno, afirma José Luís Múzquiz, titular do departamento de Enfermidades Infecciosas e Epidemiología Animal da Facultade de Veterinaria da Universidade de Zaragoza, quen alerta de que esta especie devastará o Ebro se non se toman medidas.
A eléctrica Endesa, que ten instalacións na parte baixa do río xa afectadas pola praga, puxo en marcha un grupo de traballo paira estudar como actúa, co obxectivo de deter o seu avance. A compañía apóiase nos informes das universidades de Zaragoza e Lleida que constatan a praga.
Múzquiz sinala que a invasión das infraestruturas é máis fácil de controlar que a do río. Así, apunta que se pode aplicar un tratamento con hipoclorito unido á limpeza e soluciónase o problema. No río este método non serve. A única forma de parar a praga aquí é instalar estacións de control destinadas a limpar barcas e apeiros.