O incendio forestal declarado o pasado martes na localidade castellonenca de Lles Useres non puido aínda ser extinguido, segundo recoñeceu o Centro de Emerxencias da Generalitat Valenciana. Estímase que xa hai máis de 1.500 hectáreas queimadas.
Esta mesma mañá comezou a funcionar na citada localidade o Centro de Coordinación Operativa Integrado, unha especie de gabinete “de crise” que axunta a todos os organismos que participan na extinción do incendio (bombeiros, brigadas forestais, UME e outras agrupacións).
Durante a pasada noite estiveron traballando na extinción das chamas entre 300 e 350 persoas. Sobre as 22:00 horas do mércores chegou unha nova sección da Unidade Militar de Emerxencia (UME), que se sumou ás outras tres que chegaron o primeiro día do incendio.
Nestes momentos, tratan de apagar o lume 25 brigadas, 17 vehículos de extinción e catro seccións da UME con máis de 100 militares. Efectivos aéreos tamén se incorporaron aos traballos tras cesar a súa actividade ás 20:30 horas de onte.
O incendio, ocasionado por operarios dunha empresa que estaban a realizar reparacións na rede eléctrica, afecta ademais da este termo municipal, aos de Atzeneta e Llucena do Cid.
A proximidade das chamas obrigou a desaloxar esta madrugada a 33 persoas de 16 masías de Lles Useres, que puideron volver ás súas vivendas horas máis tarde.