O nivel do mar podería subir ata un metro para 2100, o dobre do estimado no último informe mundial da Organización das Nacións Unidas (ONU), segundo alertaron, baseándose en recentes estudos, os expertos reunidos no Congreso Científico Internacional sobre Cambio Climático que se celebra en Copenhague. A cita conta coa asistencia de 2.000 participantes, con 1.600 contribucións científicas de investigadores de 70 países.
Varias son as razóns principais que explican este incremento no nivel do mar, apuntou o profesor John Church, do Centro para a Investigación do Clima e do Tempo de Australia. Por unha banda, os glaciares, así como as masas de xeo de Groenlandia e a Antártida, que se están derritiendo a maior ritmo do esperado. Ademais, os océanos continúan quentándose e expandíndose. “As observacións por satélite e terrestres máis recentes mostran que o nivel do mar segue subindo tres milímetros ao ano, unha cifra ben por encima da media do século XX”, afirmou Church.
Os científicos reunidos na capital danesa advirten de que se non se reducen as emisións de gases de efecto invernadoiro de forma rápida e substancial, a crecida do nivel do mar afectará, aínda no mellor dos casos, ao 10% da poboación mundial. E é que, segundo a previsión máis optimista, a subida das augas para 2100 non sería menor de 50 centímetros. O último informe do Grupo Intergobernamental sobre o Cambio Climático (IPCC) da ONU, lanzado en 2007, estimou que a crecida sería de entre 18 e 50 centímetros, aínda que non incluíu nos seus cálculos todos os factores, como a reacción das masas de xeo de Groenlandia e a Antártida ás alteracións climáticas.
Ademais, dependendo da localización da orixe da perda de xeo, haberá grandes diferenzas rexionais causadas pola subida do nivel, indicou Konrad Steffen, director do Instituto Cooperativo para a Investigación en Ciencias Ambientais da Universidade de Colorado (Estados Unidos).