As medusas, eses seres gelatinosos que chegan cada ano en manda ás praias mediterráneas, son un problema cuxa resolución pasa por combater as dúas principais causas que o orixinan: o quecemento global e a desaparición dos depredadores naturais desa especie mariña, como o atún vermello, segundo sostén a organización ecoloxista Greenpeace.
“Neste momento, o número de medusas nos mares é maior que o de peixes”, afirma Juan López de Uralde, director de Greenpeace España. “As prácticas pesqueiras abusivas e determinadas artes de pesca están a esquilmar especies como as tartarugas ou o atún vermello, o cal redunda na falta de depredadores. Todo iso nun mar con temperaturas en aumento que xera un ambiente propicio para a expansión das medusas”, engade.
Último banco de atún vermello
Precisamente, o buque “Rainbow Warrior” da organización atópase agora en Libia, onde se concentra o último banco de atún vermello do Mediterráneo. Máis de 200 buques de cerco faenan actualmente na zona. Greenpeace esixe medidas urxentes que poñan freo á captura insustentable desta especie.
“Os impactos da desaparición de especies son impredicibles, pero en todo caso graves”, sinala Sebastián Losada, responsable da campaña de Océanos de Greenpeace, que se atopa a bordo do “Rainbow Warrior”. “Por iso, agora que aínda estamos a tempo, esiximos á Unión Europea que poña fin á sobrepesca do atún vermello”.
O Ministerio de Medio Ambiente estuda a posta en marcha de diferentes medidas
O quecemento das augas tamén é propicio para a expansión das medusas, que adiantan a súa viaxe ás zonas costeiras. Neste sentido, os ecoloxistas fan un chamamento a combater o cambio climático a través de medidas que reduzan as emisións de gases contaminantes como a introdución de enerxías renovables.
Urbanización costeira
Outras causas que favorecen o incremento de medusas son a maior afluencia de nutrientes no mar, a urbanización costeira que xera esa contaminación, e outros desequilibrios no ecosistema.
Para combater a praga de medusas no Mediterráneo, o Ministerio de Medio Ambiente estuda a posta en marcha de diferentes medidas. Analiza a posibilidade de utilizar redes fixas, barreiras de burbullas e barcos de pesca, aínda que ningunha delas garante unha eficacia total.
Un plan coordinará as accións e tratará de evitar molestias aos bañistas. O Ministerio activará un plan para xestionar a información sobre a presenza de cnidarios e coordinar as accións dirixidas a evitar a súa presenza nas praias.
Mentres, fontes científicas consideran que a colocación de redes non é moi sustentable ecoloxicamente porque retén non só medusas, senón tamén outras especies mariñas. Ademais, estas redes non poderían impedir que os tentáculos urticantes chegasen á zona de baño.