O 2008 foi o terceiro peor ano da historia no que se refire a custos económicos provocados por catástrofes naturais, só por detrás de 2005 e de 1995, cando se produciu o terremoto en Kobe (Xapón). Segundo o informe que elabora a aseguradora alemá Munich Re, estes fenómenos provocaron este ano perdas de ata 200.000 millóns de dólares (máis de 142.000 millóns de euros).
O gran número de ciclóns tropicais e o terremoto de Sichuan (China) converteron a 2008 nun dos anos máis devastadores da historia, con case 220.000 mortes debidas a fenómenos extremos da natureza.
O máis grave foi o ciclón “Nargis”, que deixou en maio 84.500 mortos e 50.000 desaparecidos en Asia. Segundo a Organización Meteorolóxica Mundial (OMM), foi o furacán máis devastador que pasou polo continente asiático desde 1991. Provocou o maior desastre natural xamais rexistrado en Myanmar (antiga Birmania).
Séguelle o terremoto de Sichuan con 70.000 mortos, 18.000 desaparecidos, 374.000 feridos e cinco millóns de persoas sen fogar. Este sismo causou danos materiais por un importe total de 85.000 millóns de dólares (59.243 millóns de euros), aínda que as perdas aseguradas ascenderon unicamente a 300 millóns de dólares (209 millóns de euros).
O furacán “Ike” converteuse no de maior custo para as aseguradoras, ao causar perdas de 10.459 millóns de euros no Caribe, América Central e Estados Unidos, mentres que o total de danos económicos ascendeu a 20.919 millóns de euros. O número de ciclóns tropicais (16) no Atlántico Norte superou a media en 2008.