Os elefantes que pasan a súa vida nos zoolóxicos viven menos anos, mentres que os membros desta especie que se atopan en reservas protexidas de Asia e África teñen menos problemas de saúde e poden ser máis lonxevos, chegando a diferenza a ser de ata 40 anos, segundo un estudo realizado pola Sociedade para a Prevención da Crueldade aos Animais en West Sussex (Reino Unido), que se publicou na revista “Science”.
A investigación, baseada en datos de máis de 4.500 elefantes, concluíu que os zoolóxicos poden acurtar a vida adulta de exemplares tanto africanos como asiáticos. Entre estes últimos, que son a especie máis ameazada, a taxa de mortalidade das crías é tamén elevada. No estudo comparouse aos elefantes do Parque Nacional de Amboseli en Kenia e da institución Myanma Timber Enterprise cos datos de paquidermos de zoos europeos.
Entre as situacións que supuñan un maior risco para os animais, os científicos identificaron feitos como o nacer nun zoo, ser trasladado ou padecer a morte da nai. Entre os exemplares adultos, a obesidade ou a tensión acurtan a súa vida. Moitos destes animais non alcanzan os 17 anos, mentres que os que viven en liberdade poden chegar ata os 56.
Xunto cos problemas de saúde e reprodutivos documentados, a investigación suxire ademais que os elefantes dos zoolóxicos sofren danos tanto mentais como físicos.