Un total de 82.027 hectáreas resultaron arrasadas polos incendios forestais rexistrados o ano pasado en España. Trátase da cifra máis baixa do últimos dez anos e un 48% menos do que destruíu o lume en 2006 (155.362 hectáreas).

O investimento do Ministerio de Medio Ambiente en 2007 en prevención e extinción superou os 100 millóns de euros. Desde o inicio da lexislatura, o ministerio di multiplicar os recursos destinados á prevención e loita contra os incendios forestais, “pondo en marcha os Equipos de Prevención de Incendios Forestais (EPRIF), incrementando o número de Brigadas de Reforzo de Incendios Forestais (BRIF), así como o tempo que permanecen operativas; aumentando de forma notable os medios aéreos e o orzamento, e reforzando a coordinación coas comunidades autónomas e o resto de ministerios”.
Ano 2007
Segundo datos provisionais do Ministerio de Medio Ambiente, a superficie forestal queimada en 2007 foi un 39% menos que a media da última década (133.013 hectáreas). Ademais, o número de grandes incendios (cando a superficie queimada é superior ás 500 hectáreas) diminuíu sensiblemente respecto de 2006 (13 fronte a 58). A media da década estaba en 30 lumes.
O ano pasado foi o que rexistrou unha menor superficie forestal afectada por incendios no último decenio, cun total de 82.027,68 hectáreas queimadas, o que supón 50.985,92 hectáreas menos que a media rexistrada no decenio. En 2007 contabilizáronse un total de 10.917 sinistros, dos que 3.146 foron incendios (afectaron a máis dunha hectárea) e 7.771 conatos (menos dunha hectárea), fronte aos 20.844 sinistros de media rexistrados no decenio. Os 13 grandes incendios producidos en 2007 (máis de 500 hectáreas afectadas) tamén foron significativamente inferiores á media do decenio.
A superficie forestal queimada foi un 48% menos da destruída polo lume en 2006 (155.362 hectáreas)
A porcentaxe de superficie afectada polas chamas o ano pasado -un 0,317% do territorio nacional- é tamén inferior á do ano anterior (0,601%) e á media do últimos dez anos (0,514%).
Estatística
Os peores anos da década son 2005 (188.697 hectáreas calcinadas) e 2000 (188.585 hectáreas), e o mellor é 1999, cunha superficie queimada (82.217 hectáreas) similar á de 2007.
Das 82.027 hectáreas arrasadas o ano pasado, 35.391 corresponderon a matogueira e monte aberto, 33.068 a superficie arboredo (vexetación leñosa) e 13.567 a pastos e dehesas (vexetación herbácea).
O número total de incendios ascendeu a 10.917, fronte aos 16.334 de 2006 e os 20.844 de media da última década. Deles, 7.771 foron conatos (afectaron a menos dunha hectárea) e 3.146 incendios (máis dunha hectárea).
Por zonas, a maior parte dos incendios forestais (o 48,14%) rexistráronse no noroeste peninsular (Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco e as provincias de León e Zamora). O 18,38% localizouse en comunidades do Mediterráneo, o 31,91% nas comunidades interiores e o 1,57% en Canarias.