Os ministros de Medio Ambiente do G8 pronunciáronse onte en favor de que a Organización Marítima Internacional (OMI) acelere o proceso de eliminación dos petroleiros dun só casco e cre un novo fondo paira compensar ás vítimas de contaminacións por hidrocarburos.
Ao termo de tres días de reunión en París, os ministros do sete países máis industrializados e Rusia avogaron pola “adopción de medidas adicionais” paira controlar, a escala internacional, os barcos con cargas contaminantes, algo que será tratado no cume dos líderes do G8 que se celebrará en xuño próximo en Evian (leste de Francia).
Así o indicou a titular francesa de Medio Ambiente, Roselyne Bachelot, que en conferencia de prensa precisou que cos seus colegas de Alemaña, Canadá, Estados Unidos, Xapón, Italia, Reino Unido e Rusia, discutira do “principio” dunha prohibición dos petroleiros monocasco, pero non dunha data paira materializala. “Estamos contentos de que este tema se debata no G8 e a nivel internacional” na ONU, comentou Bachelot, tras lembrar que a Unión Europea (UE) si fixou un calendario (o próximo verán) sobre pechar os seus portos a ese tipo de barcos con cargas contaminantes.
No comunicado final do encontro, os ministros afirmaron que “a pesar das medidas tomadas nos pasados anos, o grave accidente do “Prestige” veu a lembrar que as regras existentes sobre a seguridade dos petroleiros e sobre a prevención da contaminación teñen que ser aínda melloradas”.
Iniciativa problemática
Nese sentido, lembraron a petición lanzada á OMI paira a constitución dun “novo fondo de compensación paira as vítimas da contaminación por hidrocarburos, así como a reparación dos danos ambientais”, paira complementar o FIPOL. O Fondo de Indemnización de Danos de Contaminación por Hidrocarburos (FIPOL), creado en 1992, finánciase con fondos das petroleiras dos seus países membros, e limitará a indemnización a uns 170 millóns de euros no caso do “Prestige”.
O ministro alemán de Medio Ambiente, Jürgen Trittin, admitiu os problemas paira sacar adiante estas iniciativas na OMI, que é “como un vello petroleiro”, e espera que en Evian trátese sobre os barcos con materias perigosas que navegan por mares pechados ou pasos sensibles, para que sexan obrigatoriamente dirixidos por pilotos especializados.