Máis de 300.000 toneladas de roupa usada acaban cada ano no lixo ou nos colectores “ad hoc” que proliferaron nas rúas de moitos municipios españois. Esta cifra é só unha parte dos residuos téxtiles que se xeran en España e que supoñen case o 4% do total de refugallos que teñen orixe doméstica, segundo cálculos do Ministerio de Medio Ambiente.
Ese 4% tende a crecer xa que cada vez compramos máis pezas e utilizámolas durante menos tempo, aínda que tamén aumenta a conciencia cidadá sobre a necesidade de reciclar esa roupa, que en moitas ocasións termina vendéndose nos países máis pobres de África.
A proliferación no mercado español do téxtil chinés, máis barato aínda que de peor calidade, fixo que ONG como Traperos de Emaús decidisen deixar de recoller a roupa usada. Segundo esta organización, esa roupa non ten saída porque quen a necesita pódea comprar nova e a moi baixo prezo.
Os concellos non teñen obrigación de recoller os residuos téxtiles, pero moitos subscribiron convenios con organizacións humanitarias para instalar nas rúas colectores nos que depositar a roupa usada. Cabe lembrar que o Plan Nacional Integrado de Residuos para 2008-2015 establece unha dotación de colectores para a recollida selectiva de roupa vella na proporción de polo menos un por cada 3.000 habitantes, cifra moi afastada á actual.