Quince provincias, todas do sur e centro peninsular, non baixarán hoxe dos 39 graos de máxima, e dúas, Córdoba e Sevilla, chegarán aos 42 graos, segundo o Instituto Nacional de Meteoroloxía (INM), que advertiu, no entanto, de que o luns descenderán as temperaturas entre 8 a 10 graos.
A ministra de Medio Ambiente, Cristina Narbona, sinalou tras o Consello de Ministros que, segundo as previsións da INM, este fin de semana fará unha calor sufocante, debido a unha potente masa de aire africano, que vai afectar a toda a Península e Baleares, non a Canarias, onde gozarán de ventos alisios.
A INM sinala na súa predición que hoxe estarán en nivel laranxa as provincias de Córdoba e Sevilla, que chegarán aos 42 graos, a de Badaxoz, a 41, e as de Cáceres, Huelva, Cádiz, Málaga, Granada, Xaén e Cidade Real, a 40 graos. Con 39 graos estarán os habitantes de Salamanca, Albacete, Toledo, Ávila e Madrid.
O domingo, as temperaturas comezarán a refrescar e só quedarán nese nivel de alerta sete provincias: Cidade Real, Córdoba, Xaén, Málaga e Granada, que non baixarán dos 40 graos, e Madrid e Toledo, que estarán a 39 graos.
As temperaturas manteranse ata o domingo altas, pero o luns descenderán en todas as comunidades, de forma notable no norte e centro peninsular, onde baixarán entre 8 e 10 graos.