Avanzar na loita contra a extinción das especies é o obxectivo do encontro que se celebra desde hoxe na cidade alemá de Bonn e que reúne a representantes de 189 países. Este congreso abordará tamén a potencial ameaza que supón o cultivo de biocombustibles para a natureza.
O IX Conferencia das Partes (COP9) da Convención sobre Biodiversidade da ONU, que finalizará o 30 de maio, buscará fixar unhas liñas mestras comúns que sirvan de base real de consenso e permitan avanzar no principal obxectivo, que é frear a perda de biodiversidade en 2010.
O resultado do encontro debería ser un borrador de texto que alcanzase carácter legal no próximo encontro do organismo, que se celebrará en 2010 en Xapón, explicou o ministro alemán de Medio Ambiente, Sigmar Gabriel, que exerce de anfitrión do encontro. Gabriel, que non descartou que a reunión termine en fracaso, emprazou aos membros do organismo a adoptar “posturas flexibles”.
A conferencia abordará por primeira vez a loita que en moitos países enfronta á protección da biodiversidade coa talla indiscriminada de bosques e selvas para destinar eses terreos ao cultivo de materias primas para a produción de biocombustibles. Ademais, trataranse cuestións como a conservación dos bosques, dos océanos, as montañas, ou as illas.