O Goberno de Sudáfrica anunciou que a partir do 1 de maio próximo reiniciará o sacrificio selectivo de elefantes para facer fronte á superpoblación destes animais e evitar o impacto no ecosistema das áreas que habitan. “Imos permitir o sacrificio nalgunhas partes do país, pero non hai intención de que se converta nunha matanza a gran escala”, anunciou o ministro de Medio Ambiente, Marthinus van Schalkwyk.
Sudáfrica suspendeu o sacrificio selectivo de elefantes en 1995 e leva anos estudando como facer fronte á superpoblación deses paquidermos porque, desde entón, pasaron de 8.000 a 20.000 exemplares. Desde 1967 e ata o último ano de sacrificio selectivo, en 1994, en Sudáfrica matáronse 14.562 elefantes e 2.175 máis foron trasladados a outros lugares.
Aínda que o elefante figura case sempre en calquera estampa do África subsahariana, neste país non son ben vistos en moitas zonas porque arrasan coa vexetación da área na que viven e habitualmente derruban árbores para conseguir un bocado apetecible.
O Parque Nacional de Kruger, no nordés do país e que fai fronteira con Mozambique e Zimbabwe, alberga 14.000 elefantes. Este parque ten 1,96 millóns de hectáreas (unha extensión parecida ao territorio do Salvador), pero, segundo os expertos, só ten capacidade para 7.500 elefantes.