Mañá partirá desde Australia una das maiores expedicións meteorolóxicas e oceánicas dos últimos tempos coa misión de descifrar os segredos climáticos do Océano Antártico.
A expedición, que viaxará no sofisticado barco de investigación xaponés “Mirai”, está formada por científicos, meteorólogos e oceanógrafos de Xapón, Australia, Sudáfrica e América do Sur, entre outros, que realizarán un periplo de sete meses polo mar que rodea a Antártida.
Este proxecto, organizado polo Centro Xaponés de Tecnoloxía e Ciencias Mariñas, é parte da crecente atención que os científicos de todo o mundo están a prestar aos océanos como condutores dos eventos climáticos, como ciclóns, inundacións e secas, que teñen o poder de devastar comunidades e causar enormes danos.
Os expertos farán un mapa da temperatura da auga, salinidade, disolución do osíxeno, nutrientes e dióxido de carbono (CO2), desde a superficie até o fondo do mar, en máis de 500 sitios do océano, sinalou Masao Fukasawa, xefe da expedición.
O barco despregará máis de 70 flotadores Argo na zona, onde actualmente só hai 45. Isto aumentará significativamente a flota de 838 actualmente despregados en todo o mundo, dos cales só 264 están no Hemisferio Sur.
Cada flotador rota entre profundidades de dous quilómetros e a superficie do océano cada 10 días, transmitindo datos aos satélites durante o seu período de funcionamento, de tres a cinco anos.