Palma de Mallorca sufriu onte pola tarde unha treboada “dunha intensidade desorbitada”, segundo cualificouna o Centro Meteorolóxico de Baleares. Este organismo rexistrou ventos tempestuosos de ata 109 quilómetros por hora e contabilizou preto de 1.000 raios. As choivas e o forte vento provocaron inundacións, caídas de árbores e marquesiñas, e o colapso circulatorio das principais vías da cidade.
Os servizos de emerxencias, os bombeiros e as ambulancias do 061 non daban abasto para atender as peticións de axuda. Máis de 8.500 fogares quedaron sen luz como consecuencia dos danos causados na rede de Gesa Endesa. A maioría das vivendas xa recuperaron a subministración.
A treboada deixou 21 litros por metro cadrado na capital balear, 36 litros na localidade mallorquina de Porreres e 14 litros en Eivissa. A previsión para hoxe é que prosiga o risco de fortes choivas no arquipélago.
Máis de 200 feridos
A conselleira de Interior de Baleares, María Anxos Leciñena, denunciou que o Instituto Nacional de Meteoroloxía (INM) “non alertou” de ventos tempestuosos, polo que o Govern, a pesar de atoparse en situación de prealerta, non activou a alerta laranxa e non avisou á poboación de que procurase non saír á rúa ata ben entrada a treboada.
Iso podería explicar o gran número de feridos, máis de 200. Algún moi grave, como un vixiante de obra de Son Espases. A caseta na que se refuxiaba voou con el dentro. Ademais, dous nenos sufriron importantes lesións pola caída dun raio nun establecemento de comida rápida na estrada de Son Rapinya.
No polígono de Can Valero, sete traballadores resultaron feridos o desprendemento do teito do almacén onde se atopaban.
Desaloxados
A treboada provocou ademais o desaloxo de máis de 500 persoas do polideportivo de Son Moix, en Palma de Mallorca. O teito do complexo desprendeuse debido aos fortes refachos de vento.
Tamén se produciron desaloxos en varias unidades dos hospitais de Son Dureta e San Juan de Deus, que rexistraron inundacións. No hospital psiquiátrico de Palma, 50 pacientes e 15 traballadores foron evacuados por un escape de gas provocado pola treboada. O conseller de Saúde balear, Vicenç Thomàs, deu conta do estado en que se atopa a rede sanitaria de Mallorca durante unha visita que fixo ao hospital psiquiátrico. Ademais das evacuacións, unha enfermeira resultou ferida leve debido á caída de parte dun teito.
Desaloxáronse polideportivos e hospitais, e colapsáronse as estradas
Thomàs informou de que se estableceu un operativo de coordinación entre os diversos centros hospitalarios para regular con ambulancia o fluxo de pacientes nos servizos de urxencias, que sofren unha gran presión debido aos incidentes causados polo temporal.
Segundo explicou, debido á auga caída, a Unidade de Reanimación (REA) de Son Dureta alagouse e os pacientes que permanecían nela despois de ser operados, tiveron que ser trasladados á Unidade de Coidados Intensivos (UCI).
O conseller de Saúde pediu aos cidadáns que fagan un “uso racional” dos servizos de urxencias e lembrou que, para doenzas menores, deben recorrer aos Puntos de Atención Continua (PAC) dos centros de Atención Primaria.
Colapso
O aeroporto de Son Sant Joan de Palma viuse obrigado a suspender a operativa aérea durante polo menos media hora, ao rexistrarse un forte aparello eléctrico e potentes refachos de vento na zona.
A intensa treboada estivo acompañada de raios que, ao seu paso, deixaban as rúas desertas. Cables de alta tensión e árbores caeron sobre as estradas molladas, o que provocou un enorme colapso circulatorio.