Un total de 13 países europeos, entre eles España, colaborarán con Estados Unidos nas tarefas de limpeza de cru no Golfo de México, onde o pasado 20 de abril explotou a torre submarina de extracción “Deepwater Horizon”. Todos eles comprometéronse a enviar diferentes equipos para colaborar nos traballos de recollida do petróleo vertido.
As autoridades estadounidenses aceptaron esta semana os dispositivos de limpeza ofrecidos pola Unión Europea (UE) a través da Axencia Europea de Seguridade Marítima (EMSA) con sede en Vigo. Enviarase así á zona un equipo de extracción de alta capacidade e velocidade, o “Framo Transrec 150”.
A Comisión Europea (CE) e Estados Unidos mantéñense en contacto para ultimar os detalles do envío. Ademais, a garda costeira estadounidense aceptou 1.200 metros de botavaras ofrecidas por Noruega. “Europa está preparada para cooperar na resposta de emerxencia ante este desastre ecolóxico”, declarou a comisaria de Cooperación Internacional, Kristalina Georgieva.
Foi o pasado 10 de xuño cando o Centro de Información e Seguimento da CE, eixo do Mecanismo Europeo de Protección Civil, recibiu unha petición por parte de Estados Unidos de material para conter a extensión do cru na superficie da auga. España, Suecia, Alemaña, Noruega, Reino Unido, Dinamarca, Países Baixos, Rumania, Francia e a EMSA puxeron entón o equipamento a disposición de Washington.
Antes, o 27 de maio, Estados Unidos solicitou un tipo específico de brazo articulado para axustar aos buques encargados de recoller o petróleo e Países Baixos enviou tres pares que están xa despregados na zona. Tamén España e a EMSA ofreceron máis ferramentas deste tipo. Ademais dos países xa mencionados, Portugal, Bélxica, Irlanda e Grecia ofrecéronse igualmente a colaborar nas tarefas de limpeza.