As vendas de vehículos industriais caeron un 23,6% no primeiro trimestre do ano con respecto ao mesmo período do ano pasado, ata rexistrar 3.210 matriculacións. En marzo, as vendas deste tipo de vehículos esborralláronse un 35%, con apenas 1.000 unidades matriculadas, segundo datos das asociacións de fabricantes (Anfac) e de vendedores (Ganvam).
Ambas as patronais atribúen este retroceso do mercado dos vehículos industriais, que acumula xa varios anos con volumes moi baixos de matriculación, ás dificultades de acceso ao financiamento para pemes e autónomos. “Esta situación, empeora de maneira considerable a calidade do parque con importantes consecuencias en materia de seguridade viaria e medio ambiente”, advirten.
Anfac e Ganvam sinalan que polo seu desenvolvemento económico, España “debe retornar a niveis máis adecuados para este tipo de vehículos, que constitúen un indicador fundamental da actividade económica e loxística do país”. España é o primeiro fabricante europeo de vehículos industriais.
Por segmentos, o de autobuses descendeu no primeiro trimestre do ano un 45%, e un 32,3% en marzo. As matriculacións de camións lixeiros (entre 3,5 e seis toneladas) baixaron un 48,4% ata marzo, ata 147 unidades, e un 46,7% en marzo, con 49 unidades. As vendas de camións medios (entre 6 e 16 toneladas) decreceron un 32,9% no acumulado do ano, con 496 unidades, e un 47% en marzo, con 159 unidades. Por último, as matriculacións de vehículos industriais pesados (máis de 16 toneladas) situáronse en 2.567 unidades, o que supón unha caída do 19,1%. En marzo, as vendas destes camións diminuíron un 31,3%, ata 803 unidades.