Desde onte, calquera condutor pode pagar as multas de tráfico a través da páxina www.dgt.es (Trámites e Multas). Esta nova ferramenta estivo en fase de probas desde o 5 de maio e xa foi usada para pagar máis de 2.000 infraccións. Agora está en proceso a inclusión desta información en todos os boletíns de notificación de denuncias.
Para abonar a sanción vía en liña, o infractor deberá introducir o seu documento de identidade, nome e apelidos, número de expediente e contía da sanción. Tamén será necesario achegar o número dun cartón para o pago e o sistema emite o xustificante. A opción de pago con certificado dixital (ou DNI electrónico) é máis avanzada, permitindo ao usuario abonar máis dunha sanción pendente.
Esta nova vía de pago súmase á medida, xa en marcha desde o pasado febreiro, de poder recibir as notificacións de denuncias tamén a través do correo electrónico ou SMS. Por medio deste sistema notificáronse 10.500 denuncias.
Os interesados en darse de alta neste servizo que ofrece a DXT, deberán facelo a través da web de Administracións Públicas -Notificación Telemáticas Seguras-, onde se lles indican os pasos a seguir, o máis importante, a creación dunha Dirección Electrónica Única, que será o domicilio virtual único onde o usuario reciba as notificacións oficiais dos procedementos aos que decida subscribirse.
O pago das denuncias tamén pode realizarse, como ata agora, en calquera das sucursais do Banco Santander e nas oficinas de Correos. Como novidade destaca que en lugar de enviarse un xiro postal págase directamente. O empregado postal, co número de expediente que consta no boletín de denuncia ou nas notificacións posteriores, pode levar a cabo o pago de forma automática coma se realizouse na Xefatura de Tráfico.