A industria das dúas rodas en España vendeu o ano pasado case 260.000 motocicletas (258.355) e 130.642 ciclomotores, o que representa un crecemento do 25,6% e 13,1%, respectivamente, en relación a 2005 e que, no caso das motocicletas, supón ademais bater por terceiro ano consecutivo os mellores rexistros da historia no sector.
Para chegar a esta situación foi necesario que legalmente se autorizase aos posuidores de carné de conducir automóbiles a levar tamén motos de 125 centímetros cúbicos. “Os cidadáns que se decidiron a aproveitar a facilidade de conducir as motocicletas lixeiras, limitadas a 125 c.c. e 15 cabalos de potencia, co seu carné de coche, atoparon nestes pequenos vehículos a ferramenta ideal para fuxir dos atascos e atopar aparcadoiro”, sinalou Jorge Lasheras, presidente da Asociación Nacional de Empresas do Sector de Dúas Rodas (Anesdor).
Esta situación e o auxe das motos de gran cilindrada foi o detonante do éxito do sector. Con todo, non todo son boas noticias, porque o Ministerio do Interior, seguindo algunhas recomendacións da Unión Europea (UE), proxecta atrasar ata os 16 anos a idade mínima para conducir un ciclomotor, que agora se alcanza aos 14.
Se leva a cabo esta medida, as repercusións para o mercado do ciclomotor, segundo Anesdor, suporían unha caída das vendas entre o 30% e o 40%, o que afectaría especialmente á industria nacional, que precisamente neste segmento dos ciclomotores vén acumulando constantes perdas. En 2006 fabricáronse 82.930 unidades fronte ás 126.717 de 2005, o que supón un descenso do 19,4%.