A crecente afección ao tuning está a aumentar a diversidade e a oferta de elementos decorativos para o automóbil. Sen necesidade de converter o noso coche nun espectáculo, si podemos dar un aspecto diferente ao seu interior con algúns elementos decorativos que transcenden ás esterillas para o respaldo dos asentos.
Unhas fundas para os asentos, un cubrevolante, un pomo novo para o cambio de marchas ou unhas alfombras poden dar personalidade ao vehículo por moi pouco diñeiro. Vexamos algúns destes accesorios:
. Pomos de cambio de marchas e freo de man: dispoñibles en variedade de acabados (metal, madeira, coiro, etc.) e formas, desde o tradicional pomo de bóla ata imitacións de bólas de golf, caveiras… Os prezos varían moito segundo o deseño.
. Fols para cambio de marchas e freo de man: dispoñibles en diversas cores, a xogo cos pomos, atópanse a partir de dez euros aproximadamente.
. Pedais: desde dez euros temos pedais decorados con diversos motivos e a partir de vinte euros pedais estilo competición, metálicos e con perforacións.
. Alfombras: os concesionarios case sempre incorporan un tipo moqueta que a longo prazo son moi difíciles de limpar. Hainas tamén de goma e pódense atopar cunha variedade de debuxos e motivos. Para quen están dispostos a gastarse case cen euros, existen alfombras de aluminio que non pasan desapercibidas.
. Chisqueiros: por dez ou quince euros atopamos chisqueiros decorados e ata con luz.
. Adhesivos cromados: para o interior e o exterior do vehículo. Desde as siluetas de animais, tan de moda, a letras para formar as palabras que queiramos.
. Saídas de aire cromadas: son adhesivas e hai que buscar o modelo adecuado para cada vehículo. Tamén se poden recubrir as “agallas” con canutillos adhesivos cromados, unha operación que require certa habilidade para as manualidades.
. Fundas para os asentos: desde vinte ou trinta euros atopámolas nunha inmensa variedade de cores e deseños. Se os asentos do vehículo teñen airbag incorporado hai que buscar fundas adecuadas, que contan cunha abertura lateral.
. Fundas de volante: están a porse de moda actualmente. Son universais, xa que ao estar fabricadas en goma axústanse e adhiren ao mesmo. Son antiescorregadizos e atópanse a partir de tres euros.
. Protectores de cinto. Almohadillas para decorar que se colocan sobre o cinto adheríndose mediante velcro.