General Motors (GM), o maior fabricante de coches de Estados Unidos, presentou hoxe a súa solicitude de suspensión de pagos ante un tribunal de Nova York. Trátase da maior bancarrota industrial da historia do país, só superada polas do banco de investimento Lehman Brothers e da empresa de telecomunicacións WorldCom.
A suspensión de pagos era inevitable para garantir a supervivencia do xigante da automoción, símbolo do capitalismo estadounidense que a 31 de marzo contabilizaba activos por valor de 82.290 millóns de dólares por uns pasivos de 172.810 millóns.
Coa quebra da compañía créase unha nova empresa na que Estados Unidos e Canadá terán un 70% e un 12% do seu capital, respectivamente, como contraprestación ás súas axudas. O Tesouro estadounidense desembolsará un apoio inicial duns 30.100 millóns de dólares.
Non se logrou convencer aos acredores da firma para eliminar o 90% da súa débeda non asegurada, cifrada en 27.200 millóns de dólares, nunha operación que supuña o troco de bonos por accións da futura compañía saneada. Por iso, a reestruturación da compañía será máis complexa e lenta que no caso de Chrysler, cuxa alianza con Fiat recibiu o visto e prace da xustiza.
Na nova sociedade aglutinaranse os activos sans. Entre eles, as marcas Chevrolet, Cadillac, GMC e Buick. Prevese ademais que a compañía deixe de cotizar en Bolsa polo menos durante os próximos 18 meses.
– Lehman Brothers: Cunha débeda de 613.000 millóns de dólares e activos por valor de 639.000 millóns, o cuarto banco de investimento de Estados Unidos acolleuse ao concurso de acredores o 15 de setembro de 2008.
– WorlCom: Esta compañía de telecomunicacións recoñeceu cometer “erros” de contabilidade por valor de 7.680 millóns de dólares, tras o cal declarouse en bancarrota o 21 de xullo de 2002.
– General Motors: Despois de non lograr un acordo cos acredores, o maior fabricante de coches de Estados Unidos suspende pagos o 1 de xuño de 2009.
– Enron: A maior compañía estadounidense de compravenda de electricidade e gas natural presentou expediente de bancarrota o 2 de decembro de 2001. Os seus ex altos cargos foron condenados por fraude.
– Conseco: Esta compañía financeira e aseguradora tiña unha débeda de 6.500 millóns de dólares cando o 17 de decembro de 2002 solicitou a suspensión de pagos.
– Chrysler: O pasado 30 de abril a compañía automobilística viuse obrigada a declararse en quebra, pero chegou a un acordo coa italiana Fiat para saír da lameira. Os seus activos estaban valorados en 39.300 millóns de dólares.
– Thornburg Mortgage: Esta firma hipotecaria de Novo México acolleuse á lei de bancarrota o 1 de maio de 2009 debido á crise das hipotecas “subprime”.
– Pacific Gas And Electric: Suspendeu pagos o 6 de abril de 2001 cando estaba valorada en 36.152 millóns de dólares. Esta compañía fornecía gas e electricidade a 13 millóns de clientes.
– Texaco: O 12 de abril de 1987 declarouse en quebra. Contaba con activos por valor de 34.940 millóns de dólares. En 2001 fusionouse con Chevron Corporation para formar ChevronTexaco.
– Financial Corp. of America: Entrou en bancarrota o 9 de setembro de 1988. Tiña activos por valor de 33.864 millóns de dólares.