O Executivo central prevé que España conte con 250.000 vehículos eléctricos (puros e híbridos enchufables) en 2014, tal como recolle a “Estratexia Integral para o Impulso do Vehículo Eléctrico” presentado onte ante o sector industrial. Na elaboración deste plan, participaron 29 empresas, oito patronais, seis ministerios, as comunidades autónomas e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).
Durante o acto, o presidente do Goberno, José Luís Rodríguez Zapatero, afirmou que a aposta polo coche eléctrico “eléctrico simboliza a senda pola que ha de transitar a industria e a maneira de levar a nosa política industrial, é unha oportunidade que non debemos deixar pasar para recuperar a senda do crecemento e o emprego”. Por iso, o Executivo investirá 590 millóns de euros nos próximos dous anos en 15 medidas dirixidas a fomentar a demanda destes vehículos, a industrialización e I+D+i, e o desenvolvemento de infraestruturas de recarga e promoción.
Entre as accións contempladas, destaca a subvención para particulares e empresas de ata o 20% do custo dun coche eléctrico, cun límite de 6.000 euros. Para financiar estas axudas previuse 240 millóns de euros. A este diñeiro súmanse outros 140 millóns para 2011 e 2012, que servirán de apoio á industrialización e o I+D+i. De igual forma, a iniciativa contempla liñas prioritarias de apoio á innovación en coches eléctricos para identificar e analizar tecnoloxías novas, e para a investigación, por valor de 173 millóns. No ámbito da comercialización, o programa fixa como obxectivo alcanzar unhas vendas de 20.000 unidades en 2011 e de 50.000 unidades en 2012, correspondentes na súa maioría a frotas de empresas e servizos.
O Goberno considera que o vehículo eléctrico é unha oportunidade industrial nun momento decisivo para o sector da automoción, tecnolóxica, enerxética e ambiental e abre un campo pioneiro para o desenvolvemento de software para recarga de baterías e ao desenvolvemento das redes intelixentes (smart grid). Desde o punto de vista enerxético, o Executivo asegura que fomentará o uso das enerxías renovables e mellorará a súa xestión e integración no sistema eléctrico, á vez que achega vantaxes ambientais evidentes xa que non emite CO2, nin outras partículas en suspensión, e é máis eficiente desde un punto de vista enerxético.