O prezo medio dos vehículos de ocasión (VO) acumula un descenso do 22% desde que estalase a crise fai agora case cinco anos. Entre 2007 e 2010, a contracción anual dos prezos oscilou entre o 6% e o 7%, preto de mil euros de media. Con todo, a partir dese punto a “costa abaixo” suavizouse e as rebaixas pasaron a medirse en centenares de euros, en lugar de en milleiros, cun descenso anual en torno ao 2%, segundo indica o “Observador europeo de prezos” elaborado pola plataforma de vehículos na rede AutoScout24.
No primeiro semestre de 2012, o prezo medio dos coches de segunda man situouse ao redor dos 12.500 euros, o que supón un descenso da 2% fronte ao mesmo período do ano anterior. Deste xeito, moderouse a brusca caída de prezos experimentada nos primeiros anos da crise.
O informe de AutoScout24 tamén destaca que unha vez superados os momentos de maior volatilidade de prezos, a evolución do importe medio dos VO no noso país “comeza a aliñarse coa media dos países da nosa contorna. Así, a contracción do 2% na primeira metade do ano tan só difire medio punto do descenso do 2,4% rexistrado en Europa, aínda que as tendencias varían de forma significativa entre os diferentes países”.
O esborralle dos prezos en Italia (-9,5%) compensou as reducións máis suaves rexistradas en Austria (-0,7%) e Alemaña (-0,1%), onde comeza a apreciarse un maior equilibrio, sinalou a plataforma en liña. Pola súa banda, Holanda (+0,6%) marcou a excepción ao converterse no único mercado no que se incrementou o importe medio dos usados.
Por comunidades autónomas, o Arquipélago Canario e País Vasco foron as rexións co maior importe medio, con 13.202 e 13.177 euros, respectivamente, mentres que Estremadura (9.984 euros) e Castela-A Mancha (11.574 euros) foron as que rexistraron uns prezos máis baixos ata o mes de xuño.
En termos porcentuais, os maiores descensos durante a primeira metade do ano corresponderon a Navarra (-9,7%), a Comunidade de Madrid (-9,2%), Murcia (-6,2%), Comunidade Valenciana (-5,4%), Asturias (-5,2%), Canarias e Cantabria (-4% en ambos os casos), Galicia (-3,2%), A Rioxa (-2,6%), Cataluña (-2,2%), Andalucía (-1,9%), País Vasco (-1,9%) e Aragón (-0,6%). Tan só catro autonomías elevaron os seus prezos medios ata xuño: Estremadura (+2%), Castela-A Mancha (+2,7%), Castela e León (+7,9%) e Baleares (+9,4%).