A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) premiará a partir deste domingo 1 de xullo cun punto máis a aqueles condutores que non fosen sancionados desde o comezo de aplicación do sistema de Permiso por Puntos. En total, serán 18 millóns os condutores (o 69% dos condutores españois) os que verán ampliado o seu crédito a quince puntos (saldo máximo) polo seu correcto comportamento na condución, informou a DXT.
Ao saldo inicial de 12 puntos, crédito do que partían todos os condutores que o 1 de xullo de 2006 contaban con máis de tres anos de experiencia na condución, engadíronse dous puntos máis -o 1 de xullo de 2009- no saldo daqueles condutores que non cometeran durante o tres anos seguintes á posta en marcha do Permiso por Puntos ningunha infracción. Esta bonificación por bo comportamento durante a condución culmina este 1 de xullo, coa incorporación dun punto adicional no permiso de conducir dos condutores que seguiron sen cometer ningunha infracción con detracción de puntos.
Desde a posta en marcha do Permiso por Puntos, dos máis de 26 millóns de condutores censados no Rexistro Xeral de Condutores da Dirección Xeral de Tráfico, 4,9 millóns de condutores (o 18,8%) recibiron unha sanción por cometer algunha das infraccións que detraen puntos, dos cales, 1,4 millóns cometeron dous ou máis infraccións.
Con respecto á perda de vixencia do permiso, situación que se declara cando os condutores perderon todos os puntos, o número de condutores aos que se lles declarou a perda e por conseguinte perderon o seu permiso de conducir ascende a 142.015, o que representa un 0,5% do censo de condutores. Ademais, 2.462 destes condutores perdérono en dúas ocasións.
O número de sancións con detracción de puntos tramitadas desde o comezo do permiso ascende a 7,2 millóns, que supuxeron a perda de 22 millóns de puntos. A principal causa de detracción de puntos son as infraccións cometidas por non respectar os límites de velocidade establecidos na vía co 46%, seguida do non uso do cinto de seguridade (13%); conducir falando manualmente co teléfono móbil ( 9% ) e conducir tras inxerir alcol (9%). No que a cursos de recuperación de puntos ou de recuperación do permiso refírese, 234.326 condutores asistiron a algún dos dous tipos de cursos.