O tratamento do cancro de próstata mediante a técnica de radiacións ionizantes denominada braquiterapia pode alcanzar un éxito de curación de ao redor do 90% a dez anos, en pacientes favorables. Así o asegurou onte en Vigo o doutor Álvaro Martínez, do Hospital William Baumont de Detroit (EE.UU.), durante a súa participación no Centro Social Caixanova nunhas xornadas internacionais sobre esta técnica.
Segundo este experto, os resultados que se obteñen co uso da braquiterapia son “excelentes a dez anos” e a ese 90% de curación en pacientes favorables, engádense un 66% e 70% de éxito en enfermos intermedios e un 55% en home de alto risco.
A braquiterapia é unha avanzada técnica de tratamento de cancro mediante radiacións ionizantes que consiste en achegar as fontes radioactivas ata o interior do tumor ou colocalas en íntimo contacto co mesmo, a fin de destruír “in situ” as células cancerosas.