Segundo a normativa europea, a partir do 11 de marzo de 2005 non se poden comercializar produtos dermocosméticos se non levan na súa etiquetaxe un novo símbolo: un tarrito cunha tapa aberta e un número no seu interior. Esa cifra indica o tempo mínimo en meses durante o cal, unha vez aberto o envase, o usuario pode facer uso sen risco da súa crema, loción, desodorizante, champú ou calquera outro artigo de hixiene e beleza.
Esta icona deberá aparecer obrigatoriamente en todos os produtos cuxa caducidade sexa superior a dous anos e medio. Aqueles cuxa vida é inferior xa estaban obrigados a sinalar a data, pero por encima de 30 meses, só algúns laboratorios daban esta información.
A publicación desta información é especialmente útil para os cosméticos que, unha vez abertos, ao entrar en contacto co medio ambiente son susceptibles de degradación dos seus compoñentes ou ben de sufrir contaminación microbiológica, o que pode presentar riscos para a saúde do consumidor.
O risco que corre o usuario na maioría das ocasións é de que o produto lle provoque reaccións alérxicas non moi graves, pero como cada vez é máis frecuente o emprego de sustancias activas nos cosméticos, como as vitaminas, que teñen unha caducidade, é conveniente que o consumidor coñeza cal é a súa data máxima de utilización unha vez aberto o envase.
A Unión de Consumidores de Estremadura – UCE, tras examinar máis de cen produtos, acaba de facer pública unha denuncia na que asegura que a totalidade dos cosméticos adquiridos nas tendas denominadas “de todo a 100” ou “asiáticas” incumpre a normativa vixente e que, de igual maneira, case o 50% das marcas máis publicitadas no noso país incumpre a normativa de etiquetaxe.
O grao de incumprimento afecta os produtos fabricados en España, sobre todo en Madrid e Barcelona.
UCE tamén inspeccionou o dezasete marcas de cosméticos máis vendidas no noso país e máis do 47% dela incumpría a lexislación na súa etiquetaxe, un 35% só tiña parte dos produtos coa etiquetaxe en regra e soamente case o 18% cumpría con todo o que esixe a lei.
A organización de consumidores lembra o que ha de recoller por obrigación a etiquetaxe:
–Denominación do produto.
–O nome ou razón social e dirección ou domicilio social do fabricante.
–O contido nominal, indicado en peso ou en volume.
–A data de caducidade mínima, mediante a mención “utilícese preferentemente antes de final de …”
–Símbolo co prazo despois da súa apertura durante o cal pode utilizarse.
–As precaucións particulares de emprego.
–O número de loto de fabricación. País de orixe, cando se trate de produtos fabricados fóra da Unión Europea.
–A función do produto.
–A lista de ingredientes por orde decreciente de importancia.