O Hospital Universitario Doutor Peset de Valencia entrou nos anais da ciencia médica internacional ao acoller o nacemento de dous bebés froito da combinación de dúas técnicas de fecundación de última xeración: o implante de tecido ovárico conxelado e a vitrificación de ovocitos. Ata a data, só se describiron no mundo cinco nacementos de recentemente nados sans tras o implante de tecido ovárico, aínda que este é o primeiro no que se combina esta técnica coa vitrificación de ovocitos.
Á nai diagnosticáronlle hai dous anos un cancro de mama. Con 39 anos, e antes de someterse a un tratamento de quimioterapia que podería provocar graves danos nos seus ovarios, decidiu que lle extraesen a cortiza do ovario dereito co fin de conservala conxelada e así poder utilizala unha vez superada a enfermidade.
O pasado domingo, despois de 34 semanas de xestación, converteuse en nai de dous xemelgos que permanecen ingresados na Unidade de Neonatología do hospital Peset de Valencia.
O nacemento foi posible grazas á colaboración do Instituto Valenciano de Infertilidade (IVI) e o Hospital Doutor Peset, o primeiro en España que conseguiu acreditación para pór en marcha o programa de preservación de fertilidade en pacientes oncolóxicos. A directora médico da unidade de reprodución do IVI, Juana Crespo, recoñeceu que a pouca experiencia en todo o mundo neste tipo de casos obrigara a «inventar sobre a marcha» para facer funcionar o ovario.