A nicotina desencadea reaccións que poderían contribuír ao envellecemento celular e á aparición das enfermidades características da vellez, como a diabetes, o mal de Alzheimer ou o cancro. Esta é a principal conclusión dun estudo do Instituto Scripps de California, onde dous científicos descubriron que un subproducto metabólico da nicotina chamado nornicotina xera compostos residuais que danan as células.
Aínda que os estudos epidemiolóxicos demostran de forma esmagadora que fumar causa cancro de pulmón e outras enfermidades, descoñécense aínda moitos datos sobre como a nicotina e os demais produtos presentes nos cigarros orixinan danos a nivel celular.
Os químicos do Instituto Scripps, Tobin Dickerson e Kim Janda, proban que a nornicotina axústase a aminoácidos presentes na superficie das proteínas. Como resultado desas reaccións catalíticas, similares ás que se producen cando se deterioran os alimentos, certas proteínas quedan danadas permanentemente e xéranse compostos de degradación celular coñecidos polas siglas AGE, que foron implicados en numerosas enfermidades propias da vellez.
Os científicos comprobaron que ao engadir nornicotina a proteínas presentes no sangue formábanse maiores niveis de compostos AGE. De feito, puideron constatar que os fumadores habituais teñen concentracións máis elevadas dese tipo de subproductos celulares no seu torrente sanguíneo.