A organización da Pasarela Cibeles rexeitou para a súa próxima cita a un 30% das modelos que desfilaron na pasada edición por non axustarse aos parámetros marcados por expertos nutricionistas para ofrecer unha imaxe saudable, fixados ao redor dun 18% de masa corporal, é dicir, uns 56 quilos para unha estatura de 1,75.
O dato foi facilitado onte polo deseñador Jesús do Pozo nun encontro coa prensa no que a viceconselleira de Economía e Innovación Tecnolóxica da Comunidade de Madrid, Concha Guerra, anunciou o acordo alcanzado para que as modelos que desfilen na nova edición de Pasarela, que comeza o próximo día 18, difundan unha imaxe que responda a parámetros saudables, máis acordes coa realidade.
Este anuncio realízase tras a reunión que Guerra mantivo coas principais axencias de modelos, representantes da Asociación de Creadores de Moda e expertos no ámbito da endocrinoloxía e nutrición. A doutora Susana Monereo, membro da Asociación Española de Endocrinoloxía e Nutrición, explicou que o índice de masa corporal relaciona o peso de cada persoa coa súa estatura e permite coñecer con carácter xeral o seu estado nutricional. O seu cálculo realízase ao dividir o peso en quilos polo cadrado da estatura, e o resultado debe oscilar entre 18 e 25 para considerarse saudable.
Concha Guerra dixo que se traballou para que as modelos sexan máis saudables e decidiuse adoptar o criterio de masa corporal como referencia, ao entender que as tallas non están homologadas nin son as mesmas en todos os países, aínda que en España realizarase un estudo antropométrico para estandarizalas.
Trastornos
Na próxima edición de Pasarela Cibeles, do 18 ao 22 de setembro, as modelos responderán a estes canons. É a primeira vez que unha pasarela internacional adopta medidas para evitar transmitir uns canons de beleza que, asociados á extrema delgadez, poden provocar trastornos de saúde. Tamén se puxeron en marcha medidas como a de impedir a participación de menores de 18 anos e que a maquillaxe das mozas non simule rostros demacrados.
A doutora Monereo dixo que a paixón pola delgadez e o peso por baixo dos límites normais é un risco para a saúde. Non só hai perigo de padecer os dous grandes males, anorexia e bulimia, senón que tamén se desenvolven a longo prazo problemas de fertilidade, hormonais e de osteoporoses.
Monereo distinguiu entre delgadez e anorexia, unha enfermidade “multicausal”, non só derivada da moda e da publicidade, senón que é un problema social cuxa solución “depende de todos”.