A recuperación nas lesións menos graves de medula espinal débese ao desenvolvemento de novas fibras nerviosas, segundo un estudo realizado en monos por investigadores da Universidade de California en San Diego (Estados Unidos) e publicado na edición dixital da revista “Nature Neuroscience”. Este descubrimento podería achandar o camiño a outros estudos en modelos de primate para desvelar os mecanismos que permiten o crecemento de nervios tras as lesións que poderían aplicarse a mellorar a recuperación en pacientes humanos.
Os autores explican que a parálise despois de lesións graves de medula espinal é permanente, pero tras as lesións máis leves os pacientes a miúdo experimentan unha recuperación substancial. Este estudo en monos suxire que tal recuperación se debe a un potente crecemento de novas fibras nerviosas no canto da unha rexeneración das conexións orixinais danadas.
Dirixidos por Mark Tuszynski, estes científicos cortaron o tracto corticoespinal dereito (TCD), unha fibra nerviosa que se atopa na medula espinal que en primates é crucial para o movemento voluntario ao lado dereito, e detectaron que o funcionamento da man e a perna dereitas en monos rhesus adultos comezaba a recuperarse entre catro e oito semanas despois da lesión. Os autores descubriron na autopsia un forte crecemento de fibras nerviosas novas que se orixinaron no TCD esquerdo non danado, ata cruzar a liña media da medula espinal e formar novas conexións coas neuronas motoras na medula espinal dereita. Iso permitiu a activación das fibras musculares que se cortaron do sistema nervioso pola lesión.
Este traballo revela unha importante diferenza entre as respostas posteriores ás lesións en monos e roedores, ata agora os modelos preferidos para a investigación de lesións na medula. Ata o momento non se observaron procesos de reparación similares de lesións no TCD en ratas ou ratos. Os investigadores propoñen a necesidade de máis estudos en modelos de primates para desvelar os mecanismos que permiten o desenvolvemento nervioso tras as lesións, coa esperanza de que aplicar tales coñecementos na mellora da recuperación de pacientes humanos.