Unha terceira parte dos 108 países cuxa poboación padece malaria levan a cabo progresos para erradicar esta enfermidade na próxima década, segundo recolle un informe difundido pola Organización Mundial da Saúde (OMS).
O traballo, publicado polo grupo Roll Back Malaria (RBM) e presentado durante unha conferencia internacional do Foro Malaria en Seattle (Estados Unidos), sostén que recentemente sete países eliminaron a malaria, 10 supervisan a enfermidade para erradicala e outro nove prepáranse “ para avanzar cara á eliminación da malaria en todo o país”.
O director do Programa Mundial sobre a Malaria da OMS, Robert Newman, destacou o “progreso notable” que se realizou ao redor desta doenza. “Mellores probas diagnósticas e un aumento da vixilancia proporcionaron unha visión máis clara de onde estamos situados”, explicou Newman.
“O extraordinario compromiso e a coordinación de esforzos para alcanzar as metas en malaria nos últimos 10 anos deron lugar a unha situación actual onde puidemos ver a 10 países máis acabar coa malaria nun tempo relativamente curto”, sinalou a directora executiva de RBM, Awa Marie Coll-Seck. “Isto salvará moitas máis vidas”, apostilou.
Case a metade da poboación mundial está en risco de contraer malaria, unha enfermidade parasitaria transmitida por mosquitos que foi a responsable da morte de 781.000 persoas en 2009. A maioría das súas vítimas atópanse en África, onde a enfermidade mata un neno cada 45 segundos.