As autoridades sanitarias de Suíza informaron da morte de 11 persoas no país no que vai de ano por mor da variante humana do mal das vacas tolas. O último falecemento produciuse o pasado día 27.
En todos os casos tratábase das variantes esporádica, familiar (adquirida por antecedentes familiares) e iatrogénica (por implante de tecidos nerviosos). O cuarto tipo, chamado “variante”, foi definido en 1996 por mor da situación producida no Reino Unido, o país que máis a padece, e atribúese ao contaxio a través do consumo de produtos de animais ricos en tecido nervioso que, á súa vez, consumiron penso de orixe animal contaxiado con priones.
En todo o ano 2006 faleceron no país helvético 13 persoas por esta enfermidade, o que representa unha mortalidade de 1,74 por cada millón de habitantes. Desde 1988, 214 persoas morreron en Suíza por mor desta patoloxía. Os anos máis duros foron entre 2001 e 2004, cando as mortes anuais por este motivo oscilaron entre 19 (2,62 por millón de habitantes) e 16 (2,17).
A Encefalopatía Esponxiforme Bovina (EEB), coñecida como o mal das “vacas tolas”, descubriuse en Gran Bretaña a mediados dos anos 80 e pode transmitirse aos humanos como a enfermidade de Creutzfeld-Jakob.
Nas illas británicas, ata finais do ano pasado, faleceran un total de 158 cidadáns como consecuencia desta patoloxía.