A Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) alertou da presenza no mercado español da crema facial de día Rigenera, da marca italiana Collistar, que supostamente contén unha sustancia prohibida pola Directiva de Cosméticos comunitaria (76/768/CEE).
A sustancia en cuestión é “bishydroxyethyl biscetyl malonamide”, que podería ter efectos carcinogénicos, mutagénicos ou tóxicos para a reprodución. “Dita sustancia non debería formar parte de ningún cosmético e, por tanto, a venda de produtos que conteñan esta sustancia é ilegal e as autoridades deben retiralos do mercado”, sinala OCU.
A citada crema foi detectada en Portugal que, en novembro de 2008, incluíu unha alerta sobre este produto no RAPEX (sistema de alerta oficial europeo para produtos non alimenticios). “Dous meses e medio despois daquela alerta, este cosmético segue comercializándose en España”, denuncia OCU.
A organización advertiu da presenza do produto no mercado ao Instituto Nacional do Consumo (INC) e aos Servizos de Consumo da Comunidade de Madrid. Foi en tendas desta autonomía onde persoal de OCU comprou o cosmético.
Para garantir a seguridade dos usuarios, OCU solicitou a retirada inmediata de Rigenera. Mentres tanto, aconsella non comprar a crema “polo menos ata que non cambie a súa composición”.
Precisamente, CONSUMER EROSKI púxose en contacto coa compañía que distribúe o produto en España, Danbel S.A., que afirma que Collistar cambiou a composición da crema e que xa non inclúe a sustancia sospeitosa. “Aínda que sae no prospecto, non figura na composición da crema”, asegurou un portavoz de Danbel.
Esta mesma fonte descartou retirar o produto da venda, aínda que si se vai a proceder a cambiar todas as caixas para que indiquen a actual composición, ou ben entregar aos consumidores un “folleto explicativo”. De todos os xeitos, recoñece que “é complicado” saber onde están distribuídas todas as partidas do produto.