O crecemento e a globalización trouxeron moitos beneficios á nosa sociedade, pero, á súa vez, deron lugar a novos riscos para a saúde das persoas. Tanto, que nos países industrializados estímase que un 20 % da incidencia total das enfermidades débese a factores ambientais. Este efecto ocasiona patoloxías respiratorias e diferentes problemas sobre os pulmóns, como veremos neste artigo, ademais de enfermidades cardíacas, e produce efectos nocivos no desenvolvemento do feto. Os gobernos dos diferentes países, preocupados por este problema, están a lanzar iniciativas para combater a contaminación ambiental e implementando plans de mobilidade sustentable. Estas decisións resultan moi necesarias para diminuír o alcance deste problema e mellorar a saúde da poboación. Por iso, contamos tamén algunhas accións coas que podemos contrinuir á redución dos niveis de polución.
Os contaminantes do aire, unhas sustancias moi daniñas
Un contaminante do aire é calquera sustancia que, en concentracións elevadas, pode danar aos seres vivos ou os materiais. Un adulto adoita respirar entre 7.200 e 8.600 litros de aire cada día. Neste aire viaxan os contaminantes, a miúdo invisibles, penetrando nos nosos pulmóns e aloxándose neles. Entre os contaminantes máis frecuentes atopamos:
- O ozono: gas beneficioso cando forma parte da capa de ozono, pero moi prexudicial cando se acha preto do chan, como resultado de reaccións químicas ou emisións de gases de coches, centrais eléctricas…
- O dióxido de nitróxeno: gas que se orixina nos vehículos a motor, as centrais eléctricas e na queima de combustibles fósiles, como o carbón ou a madeira.
- A materia particulada: mestura de partículas sólidas e líquidas que se producen de maneira natural a través de erupciones volcánicas, esporas, partículas do chan… Artificialmente orixínanse en procesos industriais, na construción ou ao rozar os pneumáticos dos vehículos polas estradas.
- O dióxido sulfúrico: gas producido pola combustión do xofre durante a queima de combustibles fósiles como o carbón e o petróleo cru.
O efecto que a contaminación terá na nosa saúde dependerá das seguintes variables:
- O tipo e mestura de contaminantes.
- A concentración destes no aire.
- O tempo que esteamos expostos a eles.
- A cantidade respirada.
- A penetración destes contaminantes nos pulmóns.
Que efecto teñen os contaminantes sobre os nosos pulmóns
No aparello respiratorio, a contaminación ambiental pode producir estes efectos:
- Irritación de nariz e garganta.
- Sibilancias.
- Tose.
- Dor ao inspirar profundamente.
- Redución da capacidade pulmonar.
- Agravamento das patoloxías respiratorias.
- Necesidade de aumentar o uso de broncodilatadores como tratamento de patoloxías respiratorias.
- Incremento da vulnerabilidade a infeccións respiratorias.
- Aumento do risco de morte por enfermidades cardíacas e respiratorias.
- Incremento dos ingresos hospitalarios por patoloxías cardiorrespiratorias.
- Dificultade para respirar mentres se realizan actividades ao aire libre.
A quen prexudica máis a contaminación
A contaminación do aire é moi prexudicial para todos, pero en especial para as persoas que padezan unha enfermidade pulmonar crónica, os anciáns, os nenos e os fetos en desenvolvemento. As persoas saudables ou quen practiquen calquera actividade física ao aire libre tamén poden sufrir os seus efectos adversos, sobre todo cando as concentracións de ozono a nivel do chan son elevadas.
Para reducir a exposición á contaminación do aire aconséllase comprobar a diario as alertas e evitar saír á rúa nas horas e días de máis concentración. No inverno non se debe camiñar por rúas concorridas con fume causado polo tráfico. No verán , a calor aumenta os niveis de contaminación; por iso, tense que evitar a actividade física ao aire libre ou facela nas horas de menos concentración.
As persoas con enfermidades cardiorrespiratorias, en caso de empeoramento dos síntomas, terán que tomarse a medicación pautada por médico.
Reducir a contaminación é cousa de todos
Todos podemos contribuír á redución dos niveis de contaminación seguindo estes consellos:
- Evitar empregar o coche e utilizar outros medios de transporte públicos.
- Adquirir vehículos ecolóxicos e eficaces.
- Manter de forma adecuada os automóbiles.
- Non queimar lixos e lamias.
- Tentar reducir o consumo enerxético en casa ou usar enerxías renovables.
- Praticar as 3R da ecoloxía: reducir, reutilizar e reciclar.
- Realizar un emprego racional dos praguicidas.
- Coidar os bosques, evitando a produción de incendios e a destrución de zonas verdes das cidades.
- Consumir produtos de proximidade.
- Restrinxir a limpeza en seco.
- Evitar o uso de pinturas, solventes e aceites nos días de maior concentración de ozono.
Para calquera consulta sobre leste e outros temas relacionados coa túa saúde pulmonar, podes contactar cos nosos educadores terapéuticos a través do correo electrónico: cuentanos@lovexair.com.