Ata 17 anos debe esperar unha persoa que sufriu unha imprudencia médica para conseguir unha sentenza definitiva. Só o un por cento das denuncias conclúe en condena ao facultativo a penas de prisión ou de arresto. O resto arquívanse ou se desvían á xurisdición civil, onde só queda a posibilidade de cobrar unha indemnización.
Ese é o tempo que custa chegar a unha sentenza firme, normalmente dos Tribunais Superiores de Xustiza ou do Tribunal Supremo, e que deben esperar os afectados ou os seus familiares para conseguir as indemnizacións solicitadas pola morte dun familiar ou polas lesións sufridas por mor da deficiente asistencia sanitaria recibida. Ata entón, no caso de imprudencias graves, os familiares tampouco poden conseguir que se condene con penas de prisión ou de arresto de fin de semana aos facultativos neglixentes.
Non é o habitual porque só una de cada cen denuncias presentadas por neglixencias graves desemboca nunha condena contra o médico imputado. O resto, ou son arquivadas por falta de indicios, desviadas á xurisdición civil ou retiradas previo acordo indemnizatorio entre as partes, segundo estudos do Colexio de Avogados de Valencia. Nestas vías, os afectados, como moito, conseguen unha indemnización económica.
Moitas persoas utilizan a vía penal ante supostas imprudencias médicas porque é “máis rápido que o xulgado de garda facilite o historial médico” e investíguense de oficio os feitos, mantén o letrado Ignacio García Cervera, responsable da sección penal do citado colexio profesional. No entanto, a vía penal é a que máis gravidade presupón aos delitos denunciados, polo que moitas veces non pode demostrarse suficientemente que o médico abandonou de maneira moi grave a súa deber de coidado ou non realizou as prácticas habituais da súa profesión.
As condenas, ao tratarse de delitos de imprudencia xa sexa con resultado de morte ou de lesións graves, son pequenas, como moito dun ano de prisión, inhabilitacións para o exercicio da profesión e indemnizacións, que normalmente si son cuantiosas.
A posibilidade de conseguir algo de diñeiro e o aumento da concienciación á hora de reclamar os seus dereitos aumentaron o número de demandas presentadas por cidadáns ante supostas neglixencias médicas.
O responsable da sección penal do Colexio de Avogados asegura que o aumento das denuncias tamén afecta os letrados e, en xeral, a calquera profesional que ten contratado un seguro privado. Esta opinión choca de fronte coa dos afectados, que aseguran non moverse só polo “maldito diñeiro”, senón que “estamos a pedir outra clase de responsabilidade, algo máis que diñeiro, como condenas sociais”, sentencia Carmen Flores, presidenta do Defensor do Paciente.
Esta asociación protesta ademais porque os xuíces “se limitan a pedir a historia clínica ou o informe do ditame forense” e que os fiscais “non acusan”.