As emisións de dióxido de carbono (CO2) poden facer que aumenten os niveis de pole nas cidades, segundo constatou unha investigación desenvolvida en 13 países da Unión Europea (UE). Resulta necesario revisar os tipos de árbores que se plantan en parques e xardíns urbanos a fin de protexer ás persoas alérxicas, apunta o estudo.
Diferentes traballos europeos demostraron unha maior incidencia de alerxia ao pole nos últimos anos. No caso de Reino Unido, o diagnóstico da rinitis alérxica triplicouse en catro anos (de 2001 a 2005). Algúns investigadores apuntaban que as altas temperaturas poderían ser a causa de que as plantas producisen máis pole, pero neste estudo comparáronse as medicións de pole de anos máis fríos con outros máis cálidos e apenas atoparon diferenzas.
“Tentouse relacionar cun cambio das temperaturas, pero esta non é a causa”, asegura Annette Menzel, autora do estudo. Menzel achácao ao aumento dos niveis de CO2, xa que “favorece a produción de pole”. No estudo analizaron os niveis de pole dun total de 25 especies de árbores e plantas e ata un 60% das mesmas aumentara a súa produción nos últimos anos. Ademais, detectaron que este incremento foi maior e durou máis dentro das cidades, pero non fóra delas.
Aínda que a propia investigadora recoñece que é necesario realizar novos estudos para comprobar esta relación, o aumento da tempada de pole parece estar relacionado coa introdución de plantas e árbores procedentes doutros continentes, unido ao citado impacto do CO2. Menzel propón que as autoridades municipais teñan en conta aos alérxicos á hora de elixir a flora de parques e xardíns. “A miúdo elíxense árbores por cuestións estéticas, como o bidueiro, ao que a súa cor prata agradable non lle priva de ser un problema para os alérxicos”, lembra a autora.