As nais que non dan o peito aos seus fillos teñen máis risco de padecer diabetes de tipo 2 ao longo da súa vida. Un estudo da Universidade de Pittsburgh (Estados Unidos) demostrou que, ademais da dieta e o exercicio, a lactación é un factor determinante para frear o desenvolvemento desta enfermidade, grazas á redución da graxa do ventre materno que experimentan as mulleres que aleitan aos seus fillos.
Os científicos comprobaron que as mulleres que non aleitan aos seus bebés duplican as probabilidades de padecer diabetes de tipo 2 respecto das nais que si dan o peito e a quen non teñen fillos. Para iso, realizaron un estudo entre 2.223 mulleres con idades comprendidas entre 40 e 78 anos. O 56% delas dera o peito aos seus fillos durante, polo menos, un mes. Do 44% restante, un 27% desenvolveron diabetes de tipo 2.
Pola contra, as súas conclusións, publicadas na edición de setembro de American “Journal of Medicine”, aseguran que as nais de fillos lactantes non tiñan un risco maior ao das mulleres que non tiveran descendencia. Os científicos tampouco atoparon ningunha relación entre un aumento das probabilidades de padecer diabetes 2 e outros factores como a idade, a raza ou o consumo de tabaco ou alcol.